Eu falei do "día" que chegaba para moitos personaxes da novela Non hai noite tan longa. Agora Agustín Fernández Paz fálanos, e eu compártoo, dun final tamén esperanzador para os protagonistas desta obra, Damián e Marga. A invisibilidade destes personaxes deixará de ser tal porque un mundo mellor e máis xusto quizais se poida conseguir?
Se ledes a novela, ademais de disfrutar con ela, ides aprender moito de cine porque tamén este é protagonista. O autor fala no vídeo de cincuenta e dúas fichas de cine, na terceira parte da novela, eu creo que son sesenta e dúas. Contade, puiden equivocarme. Nelas, ademais do cartel, aparece o ano, a dirección, o guíón, os intérpretes e unha sinopse das mesmas.
Vouvos deixar dous anaquiños da novela. Este primeiro pode ter algo que ver co título.
" Para Damián as películas constituían sempre unha lección de vida , como o debían ser para outros as clases da universidade, ás que nunca puido asistir. O cine convertérase na súa universidade íntima, o lugar onde as grandes paixóns da vida e os amores arrebatados podían existir. Rir, chorar emocionarse ou encherse de carraxe; ningún sentimento humano quedaba sen asomar desde a pantalla, ningún deles lle era alleo. En certo xeito, pensaba, máis que aceptar a homenaxe, o que tería que facer era dar as grazas; agradecer que puidese pasar o mellor da súa vida na compaña daqueles homes e mulleres, daqueles fantasmas de luz que día tras día, cobraban vida na escuridade da sala." (Páxina 32)
O segundo está no apartado dos agradecementos, ó final da novela, e aporta algún dato que non aparece no vídeo:
Aínda que o tema central de Fantasmas de luz, máis duro e máis actual cada día que pasa, é o paro e a exclusión social, foi un gozo acompañar a Damián no seu percorrido polas películas que o marcaron , que só en parte coinciden coas miñas. Os dous poderiamos cantar con Luis Eduardo Aute ( " cine, cine, cine / más cine por favor" ) ou asinar as palabras luminosas de Jean Luc Godard: "A fotografía é verdade. E o cine é verdade vinte e catro veces por segundo." (Páxina 185)
Podedes escoitar a canción de Aute acompañada de imaxes da película Os catrocentos golpes, de François Truffaut, que tamén aparece na novela .
Podedes escoitar a canción de Aute acompañada de imaxes da película Os catrocentos golpes, de François Truffaut, que tamén aparece na novela .
No hay comentarios:
Publicar un comentario