19.1.12

FRANCISCO CASTRO NO IES BLANCO AMOR


Onte o escritor Fancisco Castro visitou o noso Instituto, agasallounos cos seus libros, coas súas sinaturas, coa súa presenza pero sobre todo coas súas palabras dirixidas a todos os alumnos de 1º ESO.

Falounos de Chamádeme Simbad, libro que leron os alumnos dese curso; descubriunos algunhas cousas que non sabiamos. Díxonos que a obra a escribira en poucos meses pero que o labor de corrección chegara ó ano, que fora o seu fillo o que lle marcara o inicio da novela e que a enfermidade que ten un dos protagonistas, o alzhéimer, a coñece ben poque a padece un ser querido seu.

Explicounos que estaba moi satisfeito pola acollida que tivo e está tendo esta novela súa; xa está traducida ó castelán e o catalán e pronto vai saír en Brasil; Chamádeme Simbad é unha novela  que gusta a pequenos e a grandes polo drámatica que é e polo divertida que resulta en determinados momentos.

Fíxonos pensar coas súas explicacións, moi gráficas, na cantidade de cartos que se gastan no fútbol e nos poucos que se destinan a investigar enfermidades que afectan a un número elevado de persoas. Ata nos falou do que cobraba un autor por libro vendido, e da diferenza de ingresos que un escritor pode ter  segundo a lingua na que escriba, en galego ou en castelán.

Cando un alumno lle preguntou polo tempo que lle levaba escribir as súas obras, falounos da súa última novela In vino veritas que lle supuxo dous anos de traballo e, tras un descanso, outros dous anos máis. Agora os adultos  xa a podemos disfrutar. Direivos algo dela noutra entrada.

Deixamos atrás outras cousas de interese que nos contou e que non escribo aquí porque quero que mas conten a min os alumnos que o escoitaron.

Francisco Castro é un escritor que xa ten dezaoito obras publicadas. Na BVG ou na ficha que aparece no blog de Galaxia hai información. Eu recoméndovos que entredes no seu blog, A canción do naúfrago, e vexades o que publica e algúns vídeos que reproducen entrevistas que lle fixeron. Así coñecerédelo mellor.

Moitas grazas a Francisco Castro e á Editorial Galaxia.

2 comentarios:

  1. Paseino realmente ben e sentinme moi ben tratado. Moitísimas grazas por todo!

    ResponderEliminar
  2. Grazas a ti. É unha honra para nós que estiveses no noso Instituto.

    ResponderEliminar