21.2.12

O DÍA DE ROSALÍA



A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) anímanos a que regalemos un libro en galego e unha flor no día do nacemento de Rosalía de Castro. A autora naceu o día 24 de febreiro de 1837 e por iso se celebra este ano o 175 aniversario.

A AELG tamén nos convida "a participar do Día De Rosalía de Castro organizando actividades de promoción da obra da nosa escritora para conmemorar o aniversario do seu nacemento".

Nós, para celebralo, leremos poemas na clase. Na BVG temos poemas para ler e para escoitar; en son de poetas tamén hai varios; e os libros teñen que seguir sendo os nosos compañeiros e as nosas ferramentas de traballo.

Haberá unha lectura pública de poemas de Rosalía no Liceo, o día 24, ás 7 da tarde. Animádevos!

Máis información sobre Rosalía na entrada que se refire á Casa da Matanza e nunha presentación tomada do blog A casa de Merlín. Consultade o traballo de marlou

Podedes relacionar un anaquiño dun poema de Rosalía, ¡Padrón...! ¡Padrón...!, que pertence a Follas novas, coa tradución ó inglés que fixo Ruth Matilda Anderson no seu libro Translations from Hispanic Poets, publicado en Nova York, en 1938, pola Hispanic Society of America. Tamén traduciu unha cantiga de Paio Gómez Chariño e uns versos de Pondal.

¡Padrón...! ¡Padrón...!
   Santa María... Lestrove...
        ¡Adiós! ¡Adiós!

                  III

      Fun un día en busca deles,
palpitante o corazón,
funos chamando un a un
e ningún me contestou.
     Petei  nunha i outra porta,
non sentín fala nin voz,
cal nunha tomba baldeira
o meu petar resonou.
      Mirei pola pechadura,
¡que silensio...!, ¡que pavor...!
vin nomais sombras errantes
que iban e viñan sin son,
cal voan os lixos leves
nun raio do craro sol.
      Erguéronseme os cabelos
de estrañeza e de delor.
¡Nin un soio...!, ¡nin un soio...!
¿Donde están?, ¿que deles foi?
      O triste son da campana,
Vagoroso a min chegou...
¡Tocaba a morto por eles...!

      ¡Padrón...! ¡Padrón...!
   Santa María... Lestrove...
        ¡Adiós! ¡Adiós!

 Fotografías do libro da exposición de Ruth Matilda Anderson nas que se pode ver a tradución:





2 comentarios:

  1. Nesas andamos,preparando algo para mañá. Grazas por darnos case todo o traballo feito.

    ResponderEliminar
  2. Grazas a ti, Marisa. Alégrame moito saber que serve para algo o que fago.

    ResponderEliminar