Xa falei de Carlos Casares noutras ocasións pero quero lembralo nesta semana porque o venres é o décimo aniversario do seu falecemento. Vede en Artes e letras un especial sobre o autor.
Vouno lembrar usando un texto da súa obra Os escuros soños de Clio: O alquimista Caaveiro. A miña intención é que algúns dos meus alumnos o lean.
Cóntase nesta historia como Antonio F. Caaveiro, un antigo seminarista que fora condenado a morte por un escuro asunto de sodomía, empeña a súa vida ofrecéndolle ó rei Felipe IV catro mil quilos de ouro que serían entregados no prazo dun ano; de non facelo sería axustizado.
Caaveiro consegue ouro mesturando tres libras de ferro e un pouco de salitre; pero o marabilloso do asunto évos que ata chegou a pór ovos e quixo chocalos. Lede:
Pero unha tarde, mentras preparaba a ración de ouro prometida, que pasaba a recoller cada noite un capitán cun corpo de seis soldados, sentiu door de ventre, acomodouse para obrar nun recuncho da horta e atopouse coa sorpresa de que en vez de facer maiores, puxera un ovo.
Entre maravillado e divertido, ao día seguinte volveu facer o mesmo. (...) Cando xa puxera mais de duas ducias de ovos, xuntounos todos no chan sobre unhas pallas e medio se sentou por riba deles para ver se conseguía enchocalos.
Chocaríaos? Tamén nos conta a historia que uns días despois apareceu vendendo unhas galiñas na feira de Ordes, que en Melide vendeu catro xugadas de bois ben plantados e que en Padrón fixo negocio con cabalos. Deseguida se correu que as galiñas de Caaveiro puñan ovos de cinco xemas, que os seus bois non necesitaban comer e que os cabalos sabían andar hastra en seis pasos diferentes...
Se ledes este conto, saberedes se Caaveiro seguiu entregando o ouro prometido e se salvou ou se morreu axustizado.
Esta historia de Casares lémbrame outra de Cunqueiro, O galo de Portugal, nela tamén se producen transformacións.
Gardo con moito agarimo o meu libro de Os escuros soños de Clio. Carlos Casares dedicoumo cando, o día 6 de xuño do 1990, veu ó Instituto no que eu traballaba daquela. Pon: Para Marina, coa miña amistade e para que ría un pouco. Védeo:
En que mans quedaría o de Ilustrísima, o da portada negra, que está perdido? E tamén estaba dedicado!
O venres, día 9, La Voz de Galicia ofrece un libro cos mellores artigos de Casares. Animádevos! Só nos custará un euro.
Emocionoume a entrada de Casares, eu tamén gardo recordos del, de que lle gustaba visitar o centro no que eu estaba, só coa condición de que fose en día 4, día de feira. A cousa acababa sempre comendo o polvo e escoitando historias de Torrente, dos seus anos de estudante ou do estraños que lles resultamos aos nórdicos... Parabéns coma sempre, Marina e moi especialmente neste día.
ResponderEliminarOs que coñecemos a Casares non podemos esquecelo. Falase do que falase, era unha delicia escoitalo e, agora, é unha delicia ler ou reler as súas obras ou os seus artigos.
ResponderEliminarGustaríame moito que se recuperase o roteiro Carlos Casares, o que, en decembro do 2007, dirixiu Marcos Valcárcel e que puxo fin ó Simposio Internacional Carlos Casares.
Grazas, Marisa.