14.3.12

VALENTÍN PAZ ANDRADE. PRANTO MATRICIAL

Pranto matricial é un poemario de Paz Andrade dedicado a Castelao. Ó principio da obra, tras unha introdución de Rafael Dieste, lemos: 

In memoriam

ALFONSO DANIEL RODRÍGUEZ CASTELAO

Finou en Buenos Aires o 7 de xaneiro de 1950

Rafael Dieste explícanos que "dende moi novo, Valentín Paz-Andrade ademiróu e quixo a Castelao, e que a grande amizade que tan cedo os unéu non fixo senon se ire afincando i estreitando no decorrer das nobres loitas compartidas e no emparellado, diagonal, madureder dos pensamentos. É visto, entón, que o poeta tiña boas razóns para chorar a morte do amigo. Mais o amigo era Castelao... e morto no desterro".

A obra ten seis poemas: "O que todo galego choraría", "Door da paisaxe", "A terra e os sinos", "Ala lonxe", "Teu destiño" e "Cando ti volvas".

Eu escollín o primeiro da edición pentalingüe de Edicións do Castro de 1975:



O QUE TODO GALEGO CHORARÍA

CHORA, TERRA, TEU PRANTO
das augas, e dos eidos, e dos ares,
as vivas páreas cósmicas da raza,
en mantelo de brétemas envoltas,
que noso fin ao noso orixe ligan.
Deita nas áurias leiras do hourizonte
labradas de solpores e de abrentes,
en adoas de luz a debullarse,
as sementes feridas de túa door.
Arpa de nobres cordas esquecidas,
ceiba teu son no curazón retido,
e fai acordes en total latexo
almas, paxaros, rios e paisaxes.




Chora terra teu pranto xeneroso.
O que todo galego choraría,
en roda de multánime silenzo
e ollares abatidos
sobor de longo corpo derrubado
que fora vivo mastro en loita núa;
perto d-queles beizos, seca fonte
da verba nunca d-antes máis belida;
do peito petrucial, refrorecido
de mapoulas pampeiras,
que envexan a nacencia das chorimas;
xunto das postas maos voltas ao xelo,
onde a eito agromaron do seu arte,
no cerne da galega patronía,
vizosas  primaveiras.

Chora, Terra, teu pranto matricial.
O que todo galego choraría,
se inda chorar pudera,
até cobrir de bágoas o mare.   

No hay comentarios:

Publicar un comentario