24.10.13

FANECA BRAVA. MANUEL PORTAS




Faneca Brava de Manuel Portas é unha novela que xa foi presentada en moitos lugares de Galicia. Mañá, 25 de outubro, ás 20 horas, na Livraría Torga da nosa cidade, vaise presentar novamente.

Podemos asistir á presentación, podemos aprender moito se entramos no Blog de Xerais e consultamos os distintos traballos que aí aparecen, pero, se realmente queremos saber o que nos conta o autor e como nolo conta, non temos máis remedio ca ler a novela. Os de bacharelato podedes facelo e descubriredes todo o que lle ocorreu á familia Pereira e especialmente a Concha, a Faneca Brava, e a outros personaxes que rodean ese clan.

Déixovos dous anaquiños. O primeiro para que vaiades coñecendo a Concha, á idade de trece anos, e o segundo porque... Non sei moi ben por que,  pero podedes intuilo.

Foi por aquel tempo, quizá xa antes da fuxida do pai para a emigración, cando Concha comezou a dar cumpridas mostras do seu natural indómito. Poida que a morte da nai acelerase o seu aquel de rapaza inadaptada e inconformista, á marxe das pautas e das convencións sociais, corroborando en todo caso as opinións que sobre ela se estaban xa a forxar na familia. Ou igual foi ó revés, e os comentarios que ela puido cazar coma nós, ao voo, o único que fixeron foi reafirmala cada vez máis e empurrala cara actitudes hostís e antigregarias e comportamentos agresivos, desafiantes sempre con calquera orde establecida. Ou acaso fose unha mestura de todo xunto. A saber. ( Páxina 17 )

Xa o sol levaba unhas poucas horas desperto, buligando na alegría límpida da mañá e espreguizándose coa súa adolescencia atrevida nos contornos da paisaxe que lle brindaba o val, cando Fernando subiu con estrondo  a persiana do dormitorio e esticou todo o seu corpo para fóra, os brazos en alto, os puños cerrados, dirixidos cara o  teito, elevándose como se quixese levitar e apoiándose nas puntas dos pés sobre o tacto suave do piso de madeira, ao tempo en que emitía un bocexo estrepitoso e apocalíptico. O ruído estarrecedor que saíu da súa garganta poderíase confundir co brado abouxador das fauces de Polifemo. Se cadra, só aquel sinxelo pixama a raias rompía a mitolóxica ilusión escénica. ( Páxina 138 )


4 comentarios:

  1. Pasaba por aquí, ... Parece unha lectura moi suxestiva, ... Marina, unha vez máis nos tes o tanto das novidades editoriais. Grazas. Para quen se anime, o libro Faneca brava está no expositor de novidades da nosa biblioteca e podédelo coller prestado.
    Iso de ...rapaza inadaptada e inconformista, ... sóame!!!
    Avelina

    ResponderEliminar
  2. Avelina, ti e mais eu somos, ou queremos ser, optimistas. Pensamos que nos len os alumnos e a realidade débeche ser outra.
    De todos xeitos, con ilusión sempre se vive mellor... Non?

    ResponderEliminar
  3. Sempre hai alguén que pasa por aquí a ver as novidades. Xa lin o libro e non lle faltan razóns á Faneca para ser inadaptada...

    ResponderEliminar
  4. Aurora, grazas polas visitas. Ti es a marabillosa "culpable" de que este blog exista. Canto sufriu Concha...!

    ResponderEliminar