18.5.11

AUTORES DO REXURDIMENTO NAS RÚAS DE OURENSE: LAMAS CARVAJAL

Os alumnos de 1º ESO C e E e algúns de 1º BAC A fixésteslles fotos ás placas das rúas de Ourense  que teñen nomes de autores, as profesoras tamén colaboramos, e atopamos nelas a Francisco Añón , Rosalía, Pondal , Curros, Lamas Carvajal e a outros moitos que no seu día sairán á luz.

Como en bacharelato estamos comezando o estudo do Rexurdimento, e a Lamas Carvajal non imos poder estudalo, quero que vexades algo relacionado con este autor que podedes descubrir paseando pola nosa cidade.

Lamas Carvajal ten unha rúa con placas moi distintas que responden a épocas distanciadas. A segunda é moi recente. Fixádevos no uso do galego e do castelán. Podedes lembrar a exposición "Memoria nas rúas" que estivo no Instituto




Ten ,tamén, na Rúa Lepanto unha placa na casa na que se comezou, en 1876, a edición do primeiro xornal en lingua galega "O Tío Marcos da Portela"

Paseando un pouco máis  podedes descubrir un Monumento ó autor no Xardín do Posío:



Se visitades o Cemiterio de San Francisco que logrou a cualificación de Ben de interese Cultural no ano 2000, podedes descubrir a última morada de Lamas Carvajal.





Creo que non deberiamos quedarnos só co que podemos ver, deberiamos ler algo do autor. Na Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes podedes ler poemas de "Saudades gallegas".

Déixovos aquí un anaquiño de "O catecismo do labrego" e teredes que escribir vós o Catecismo do estudante.

DECRARACIÓN DA DOUTRINA LABREGA

 

Pregunta.- ¿Sodes labrego?

Resposta.- Si, pola miña desgracia.

P .-Ese nome de labrego, ¿de quén o recibiches?

R.- Do sacho que me fai calos nas mans, da terra que rego coa suor da miña testa, das mouras fames que paso, do aire que brúa nas miñas faltriqueiras, da monteira que levo na chola, da coroza de palla que me libra da chuvia, das cirigolas de estopa que me cobren de medio corpo abaixo, e doutras cativeces entre as que vivo agoniando.

P.- ¿Qué quere dicir labrego?

R.- Home acabadiño de traballos, caste de besta de carga na que tanguen a rabear os que gobernan, ser a quen fan pagar cédula como ás persoas para tratalo coma aos cans, que leva faltriqueira no traxe por fantasía, boca na cara por burla, que anda de a rastro como as cobras, que fura na terra como as toupeiras, que traballa moito e come pouco, que á semellanza dos burros de arrieiro que levan o viño e beben a auga, procuran o trigo para comer o millo, que anda langraneando por unha peseta sen poder nunca xuntala, e que vén ser considerado polos seus semenllantes como un ninguén que a todo chamar chámanlle Xan Paisano.

P.- ¿Qué entendes por home de labranza?

R.- Unha caste de boi posto de pé, unha máquina de sacar cartiños da terra.

P.- ¿Cal é a sinal do labrego?

R.- A probeza.

P.- ¿Por que?

R.- Porque nela vivimos e morremos.

R.- ¿De cantas maneiras usa o labrego deste sinal?

R.- De dúas.

P.- ¿Cales son?

R.- Xaxuar ao traspaso e andar á miñoca.

P.- ¿Qué cousa é xaxuar ao traspaso?

R.- Unha cousa moi condenada que fai devecer as carnes, abrir a boca, ronronar as tripas e inflar o estómago de aire.

P.- ¿Qué cousa é andar á miñoca?

R.- Deitarse con apetencia i erguerse con fame; sentir antollos de comer pan e de beber viño, e non facer máis que comer o xenio e beber os ventos.


No hay comentarios:

Publicar un comentario