Mostrando entradas con la etiqueta Fina Casalderrey. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Fina Casalderrey. Mostrar todas las entradas

20.1.13

FINA CASALDERREY NA REAL ACADEMIA GALEGA


Fina Casalderrey  foi elixida para entrar na RAG como nova numeraria. É a quinta muller en contar cunha cadeira no organismo académico. Ata agora a presenza feminina estaba representada por Xohana Torres, Luz Pozo Garza, Rosario Álvarez e Margarita Ledo. Máis información na Praza Pública.

Os meus parabéns para esta escritora a quen coñecín, hai máis de 20 anos, na cea ourensá dos Premios Xerais de 1992. Unha cea de luxo por tela ó meu lado e por ter tamén onda min a Xosé Fernández Ferreiro e a Miguel Súárez Abel. Non podo contar de que falamos, de literatura galega, seguro, pero si vos podo dicir que Fina Casalderrey me prometeu o seu libro Mutacións Xeneticas e que mo mandou por correo nos días seguintes a esa cea, e ademais dedicado!. 




Agasallo de Fina Casalderrey. 

17.12.12

O NENO CAN. FINA CASALDERREY. FRANCISCO CASTRO


O neno can é a obra que ides ler os alumnos de 2º ESO. Está escrita a catro mans, a vinte dedos; as mans e os dedos de Fina Casalderrey e Francisco Castro que son os autores. Podedes velos falando do seu libro no Zigzag.


  Presentación de O neno can na Feira do libro de Vigo.

Os autores están acompañados polo director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, e por Marisé Pérez Mariño, secretaria do comité de UNICEF en Vigo.
 
O crítico literario Francisco Martínez Bouzas comenta o libro no seu blog Novenoites. Lede o texto completo; eu xa vos deixo aquí un anaquiño:

Os cinco relatos que escriben Fina Casalderrey e Francisco Castro, son, porén, capaces de nos abraiar, porque na súa escrita e feitura os autores fuxiron da típica e tópica estrutura dos libros de contos infantís, moitas veces, lambetadas insubstanciais. Radiografías de intres vitais de nenos e nenas no seu vivir cotián, no medio da miseria. Como Aakesh, o neno can que morre de fame como Choiva, o seu cadelo. Como Nadim e a súa irmá Altair que sobreviven e son explotados limpando parabrisas ou recibindo bicos á forza –o seu inferno agochado- porque a rapaza xa ten corpo de muller. Como Kai, o neno da rúa, piollento, mais feliz por ter por fin un nome e de que alguén lle chame por el. O retrato de Leila, a nena de once anos, obrigada a casar, como as fillas do deserto, porque as cousas foron sempre así, capaz, porén, de dicir “non”, incapaz, con todo, de cambiar o mundo. E finalmente o intre feliz de Carlos, o neno paralítico que, por unha vez, non é discriminado pola súa doenza.

Máis información no Blog Editorial Galaxia.

Os textos que abren cada conto son adaptacións de artigos da Convención sobre os Dereitos do Neno (CDN). Fixádevos en cales son os dereitos ós que se fai referencia en cada un dos relatos.

Buscade no libro unha sorpresa que ten que ver co pasado e o presente dos autores.

Vede a exposición que está montada no vestíbulo da primeira planta do Instituto; ten moito que ver co contido das historias do libro que ides ler. Cando vin estas mans que aquí vos deixo, pensei nas de Altair, a protagonista de O voo da aguia.


"Unha mañá, ao abrirse o portal, Altair agarroulle as mans ao seu irmán pequeno despois de moito tempo. Nadim sentiunas ásperas coma a lixa, quizais por iso Altair non lle volvera facer unha soa caricia, nin a el nin a Xeo".

O NENO CAN ENTRA NA LISTA DO CENTRO IBBY DE DOCUMETACIÓN PARA NENOS CON DIFICULTADES ESPECIAIS.

O NENO CAN NO SERMOS GALIZA

FINA CASALDERREY E FANCISCO CASTRO FALANDO D'O NENO CAN EN CONVIVIR EN IGUALDADE.  (Os primeiros minutos do programa)

12.1.12

A CARTA

O Grupo Lector está organizando unha actividade na que a carta e a literatura epistolar van ter moito que ver. O que vós tedes que facer é escribir cartas pero os destinatarios teñen que ser do Instituto. Tedes información nos taboleiros.

Na actualidade poucas cartas se escriben pero noutras épocas era a única forma de contacto, cando familiares ou amigos estaban lonxe. Durante séculos, mulleres e homes tiveron que abandonar a súa terra en busca dunha vida mellor.

Se vedes esta curta de Fina Casalderrey, darédesvos conta do importantes que eran as cartas, incluso aínda que non se soubese ler.





 Dúas letras from evarela on Vimeo. Moitas grazas a Trafegando Ronseis.

Para escribir as vosas cartas podedes inspirarvos nesta que é a primeira que aparece en Cartas a Lelo de Neira Vilas:

Leliño, amigo: 

Anque fai anos que te fuches,  penso que debes lembrarte de min. ¿Ou non? Cavila un chisco; remexe na cachola. Son Toño de Loureiro, o Peilao. ¿Xa caíches? ( Ese alcume de "Peilao" séntame como un baloucazo pero dígocho para que te decates axiña de quen son).
Pois é. O Balbino xa sabes que anda a servir dende que lle arreou cun pelouro ó Manolito. É un rapaz caviloso e de poucas falas. Fai algúns dias veu á casa. Eu atopeino na beira do río e estivemos un anaco dando ó peteiro. Faloume de ti. Díxome que vos escribides, e amostroume dúas cartas túas, por certo moi paveras neso que dis do entroido toleirón do Brasil.
Dende que me atopei co Balbino ándame a proír unha idea no miolo. a idea de que ti e mais eu nos escribamos tamén. Balbino deume o teu enderezo e aquí estou coa primeira carta.

Anda, non recúes. Escríbeme. Eu fareino seguido, contándoche un eito de cousas de por aquí.

Tamén vos pode servir de modelo estoutra de ¡ Asústate, Merche ! de Fina Casalderrey:

Domingo 24 de novembro 

¡Ola chula!

Estrañaraste de que che escriba en domingo tendo clase mañá, e aínda che estrañará máis se sabes que son as doce da noite, pero é que non son quen de durmir e teño que contarcho ou estoupo. Só cho podo dicir a ti, se mamá se enteira...
Hoxe, como era o aniversario de Isabel a arxentina, a iso das sete, ¡asústate!, fomos á discoteca. Estivemos alí ata as dez. Non lle dixen nada a mamá, tamén ía Paio e tiña medo de que non me deixase.
Pasámolo chupi bailando todos en roda. Comezamos a cantarlle o de "feliz, feliz, no teu día...", e ó pouco tempo estaba cantando todo o mundo. Houbo un intre no que puxeron "Bailar pegados" de Serxio Dalma, e Paio bailou comigo. Foi a primeira vez que bailei así con alguén, ¡a min, que non me gusta bailar! Foi marabilloso sentir asemade a música lenta e o contacto do seu corpo.
(...)
Vale, por hoxe xa non che conto máis, estame a entrar un sono que non vexas, e mañá ás oito teño que me erguer da cama.
Auria

Lembrade tamén a carta que aparece na páxina 67 da obra Chamádeme Simbad de Francisco Castro; os de 1º ESO tedes o libro.

Consultade teoría da carta nesta ligazón. Practicade a tradución, non está en galego.

Esta imaxe tamén vos pode servir:


De escolar.com

No blog de Avelina, Espacio entre palabras, podedes ler unha carta de Don Quixote a Dulcinea e outras cartas de amor que aparecen na obra "Pomelo y limón" de Begoña Oro.