Mostrando entradas con la etiqueta Contos de medo no museo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Contos de medo no museo. Mostrar todas las entradas

18.4.14

SAÍDA DIDÁCTICA A LUGO

 
Algúns alumnos de 2º ESO visitastes o Museo de Lugo e O Centro de Interpretación da Muralla. Do resto da cidade, da catedral e da muralla tamén vimos algo. Eu déixovos algunhas fotos e vós ides contar como vivistes a actividade.



Museo Provincial


Clausto do Museo


Buscando a cabeza de Cascarilla no pozo do Claustro


Fachada principal da Catedral


Todos diante da porta románica da Catedral


A muralla


Opinión de Laura:

A viaxe que fixemos o 7 de abril a Lugo foi moi entretida. Primeiro fomos ao Museo Provincial, onde tivemos que realizar unha actividade que consistía en responder a unhas preguntas, baseándonos nun libro que xa tiñamos lido: Contos de medo no museo, e a outras, buscando distintos obxectos nas distintas salas do mesmo.

Despois desta visita fomos ao Museo de Interpretación da Muralla, alí coñecemos toda a historia da muralla de Lugo, e, ao saír deste museo, fomos pasear pola muralla.Tamén fomos á Catedral pero non estivemos moito tempo.

A partir das dúas estivemos dando unha volta por Lugo. Foi unha gran experiencia. Divertinme moito nesta viaxe e aprendín moitas cousas sobre Lugo.

Opinión de Felipe:

Gustoume moito a viaxe que fixemos a Lugo; as actividades que fixemos no Museo Provincial  foi o que máis me gustou. Como xa tiñamos lido o libro, as actividades foron fáciles. Non puidemos visitar todas as salas do museo porque tiñamos un tempo limitado para realizar aquelas actividades propostas. Gustaríame volver e poder visitar, por exemplo, a cociña e a biblioteca.

O segundo que máis me gustou foi a visita ao Centro de Interpretación da Muralla de Lugo e, despois de coñecer algunhas partes da muralla , poder ir velas na propia muralla, como, por exemplo, as escaleiras e os lugares onde estaban situadas as torrres defensivas.

Opinión de Ricardo:

Eu penso que foi unha actividade moi interesante e moi divertida. A ruta  polo Museo Provincial foi moi entretida xa que as preguntas eran completas e algunhas tiñan trampa.

Gustoume tamén ter que traballar en grupo e ademais que os grupos fosen equilibrados e non fosen os de sempre. No meu grupo todos aportabamos algo, algún buscaba no libro mentres outros buscaban nas vitrinas e nas distintas salas.

Despois de estar no Museo provincial fomos ao Museo de Interpretación da Muralla; foi unha visita curta pero na que aprendín bastante sobre a importancia da muralla para Lugo e como, co paso do tempo, nós mesmos eramos os culpables da súa destrución. Por sorte agora está en bo estado. É moi bonita a paisaxe vista desde a muralla.

Despois, no tempo libre, paseamos pola cidade e sempre se vían esculturas, edidficios importantes, a catedral... nese sentido a cidade era moi bonita. Unha lástima que estivese todo mollado pola chuvia!

Opinión de Pablo:

O luns, sete de abril, Os grupos A e E de 2º ESO vivimos unha experiencia única: coñecemos as construcións máis destacadas da cidade de Lugo.

Partimos ás 8'30 e, despois dunha hora e media de viaxe en autobús, chegamos.Visitamos a Catedral. Alí fixemos tempo, pois a verdadeira actividade era un pouco máis tarde. Entramos á catedral, pero, como estaban na misa,  houbo partes que non puidemos ver.

Ás 11, un grupo foi ao Museo Provincial de Lugo e outro foi ao Museo de interpretación da Muralla. Para facer a actividade do Museo Provincial antes tivemos que ler Contos de medo no museo e expoñer un traballo en  clase sobre el. Formamos grupos de cinco e, en menos dunha hora, tiñamos que responder a vinte preguntas, as de cada ruta literaria que lle tocara a cada grupo. Cada ruta trataba sobre as aventuras dos personaxes dun dos catro contos que lemos. A proba foi interesante e divertida.

Máis tarde no Museo de Interpretación da Muralla explicáronnos, por medio de tres vídeos, a historia da muralla e a importancia que ten para a cidade. A continuación visitamos a muralla para comprobar o aprendido, percorrendo un tramo pequeno da mesma.

Desde as dúas ata as catro tivemos tempo libre. Xuntámonos os amigos, xantamos e paseamos polas rúas de Lugo. O meu grupo xogou nun bambán en forma de cesta. Pasámolo moi ben. Regresamos no autobús algo cansos e con sono. Chegamos a Ourense ás 17:40. Foi o mellor luns do trimestre.


22.3.14

CONTOS DE MEDO NO MUSEO. SAÍDA DIDÁCTICA A LUGO




O 7 de abril é o día en que algúns alumnos de 2º ESO visitaredes o Museo de Lugo e O Centro de Interpretación da Muralla

A visita ó museo vai precedida da lectura do libro Contos de medo no museo. Algúns xa rematariades a lectura e outros aínda andaredes co libro ás voltas lendo os contos de Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey, Xosé A. Neira Cruz e Antonio Reigosa. Ademais, desde os contos, descubriredes distintas dependencias do museo e algunhas das obras expostas nas salas do mesmo.

O alumnado de 2º A xa sabe que traballo temos pendente. As exposicións son o día 31 de marzo e o 1 de abril. Así imos coñecer mellor a Xulia Minguillón, Antonio Fernández, Laxeiro, Castelao... E ata podemos aprender, se non o sabemos, que é un bargueño e descubrir outras moitas cousas de interese.

Noutros cursos leuse o libro Contos do museo. Vede o traballo de Marisa en MARÉS A DESHORA