Mostrando entradas con la etiqueta Cráter. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Cráter. Mostrar todas las entradas

8.6.15

PRESENTACIÓN DE CRÁTER . OLGA NOVO

O mércores, tres de xuño,  alumnado e profesorado do IES Blanco Amor gozamos nun acto que tivo como protagonistas a Olga Novo e a súa obra Cráter.




Asistimos á presentación da autora da man dun alumno e unha alumna de 1º ESO; escoitamos o recitado de  poemas de Cráter na voz dalgunhas alumnas de segundo da ESO, elas mesmas compuxeron un para homenaxear a autora, este último foi recitado con acompañamento musical dunha alumna de 4º; as voces de dúas  profesoras do deparatamento de Lingua Galega e Literatura tamén se deixaron oír, nun recitado e para agradecerlle a Olga o feito de ternos achegado á sua obra.

Finalmente Olga tomou a palabra para explicarnos o que é para ela a poesía e para responder as preguntas que se lle formularon. 

Rematouse o acto co recitado que Olga fixo dun dos seus poemas. Déixovos o inicio e podedes lelo completo.

 
Querida mamá: estou aprendendo a ladrar.
une saison en enfer. repite comigo Une-Saison-En-Enfer.
trinta xeracións de meu analfabetas Eu estou aprendendo a ladrar.
marcar un nunca territorio coa epiglote
coma un cadelo coma un can de palleiro
escadelearme ata volver en min en can entón pronuncio
Walt Walt
Walt Whitman mamá.

estou aprendendo a ladrar.
póñome de cu pró sol agárrome a unha aixada e
tento imitar o son do cuco do cuco de cu pró sol entón
a miña gorxa esprémese de dor
e oulan coma nunca os futuros posibles que nos fan esbombar as veas
coma unha pota de leite na lareira.

os ollos do meu amor levan dentro
o troupeleo dos chocallos uncontrautro uncontrautro
da novena sinfonía de Gustav Mahler
mamá. 


E todo tiña como telón de fondo as ilustración dalgúns dos poemas recitados, son traballos levados a cabo  polos alumnos de 1º ESO B, en colaboración coa súa profesora de plástica, Pilar Sevillano. Podedes velos neste ISSUU montado pola profesora.




Vede o proceso da actividade na reportaxe preparada por Avelina

6.12.14

OLGA NOVO. CRÁTER





Acabo de ler Cráter de Olga Novo. Teño que recoñecer que leo máis narrativa ca poesía,  pero que ben o pasei lendo este poemario!

Hai moita información na rede sobre a autora pero a min gustoume a entrevista que lle fixo Manuel Vidal Villaverde; creo que ó lela coñecemos un pouco mellor a Olga Novo.

E se lemos o que nos explica Ramón Nicolás, aprenderemos cousas da obra; deberiamos facerlle caso e poñernos a ler Cráter; segundo el, "un libro indispensable na poesía galega de hoxe"

Eu quero dicirvos que neste poemario atoparedes moita vida, moita morte, moita tenrura, moita música, moito amor, moita paixón, moita liberdade... Optimismo? Tamén.

Son moi importantes os sentimentos que transmite a autora pero a forma de transmitilos é cativadora. Botaredes de menos signos de puntuación, sorprenderavos a disposición tipográfica, ou incluso a presenza da prosa, pero atoparedes un sorprendente dominio da linguaxe, sendo para min o máis atraente a presenza de imaxes e as asociacións que, parecendo insólitas, non o son tanto.

Déixovos un poema. Dubidei entre moitos pero, como teño unha certa preferencia polas estruturas paralelísticas, escollín o titulado Análise de sangue. Ó mellor hai unha certa análise da autora neste poema. Teremos que preguntarllo.


ANÁLISE DE SANGUE

Fáltame ferro. Sóbrame música e potasio.

Ninguén me entende eu vístome coa falda da montaña
choro por calquera cousa
espero unha caricia
coma un milagre de pan de ouro e vitaminas.

Como carne de poldra. Escoito pasos nas miñas veas
e invádeme a ledicia dun novo amor coma unha tropa
     bárbara.

Esta son eu.

Metade árbore
metade escaleira de caracol.

Metade cunca
metade calexón dunha vida ó bordo do Adriático

Metade bóveda metade sombra
metade contemplación metade auspicio

Metade mofo metade pureza

Metade fonte metade balcón
metade horizonte metade estrutura mecánica

Metade flor de cerdeira
memoria cortada pola metade
metade monte metade eu
metade madonna metade neve.

A min ningúen me entende.
déixome sacar sangue e mazás
miña tormenta
deixo que me ausculten voces do outro mundo
dirixo a miña tensión como se fora unha orquestra
sacan auga de min coma dun pozo cardíaco
ás veces
escuramente
incluso sei o que digo.

Din que me falta ferro a min
pero esta gorxa miña
é un metal de transición entre a palabra e o peito.

E ó contacto coa tenrura podo adquirir un leve timbre
     oxidado.

No meu soño ando pastando coas vacas no medio dun campo
       magnético.
Na miña vida real
son a filla pequena dun pastor da fin do mundo.
Metade bóveda metade sombra
metade contemplación metade auspicio

Metade mofo metade pureza

Metade fonte metade balcón
metade horizonte metade estrutura mecánica.

Metade flor de cerdeira
memoria cortada pola metade
metade monte metade eu
metade madonna metade neve.

Sácanme sangue
sácanme
a min
ninguén me entende.

Información interesante a de José Ángel García Caballero en Ojosdepapel.com.
Información
 Grazas, Olga.
Información interesante sobre a obra