Mostrando entradas con la etiqueta Letras Galegas 2013. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Letras Galegas 2013. Mostrar todas las entradas

10.6.13

TEXTOS DE VIDAL BOLAÑO ILUSTRADOS


Moitos de vós xa vistes as ilustracións que os alumnos de 1º ESO fixeron de textos de Vidal Bolaño. Estiveron expostas nos taboleiros da primeira planta do Instituto. 

Pilar, a profesora de plástica, traballou cos seus alumnos nas clases, e agora volveu traballar para que vexamos as ilustracións, acompañadas dos textos, nestes Calaméos.

Os meus parabéns para os artistas e para a profesora. Grazas a todos.

 
ILUSTRACIÓNS VIDAL BOLAÑO 1

26.5.13

LETRAS GALEGAS 2013. TRABALLOS PREMIADOS


Na convocatoria do concurso de carteis, prometíase un premio por categoría. Finalmente o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística decidiu conceder dous. Non vos fagades moitas ilusións, o segundo é simbólico.

Na categoría A, caricaturas do autor, os traballos premiados foron os seguintes: 



Primeiro premio: Óscar Ocampo (1º ESO B ) 



 2º premio: Fernán Sánchez (2º ESO A)

Na categoría B, carteis anunciadores das obras de Vidal Bolaño, os premiados foron:




 Primeiro premio: Daniel Alonso e Nuria Fernández (2º ESO A)




Segundo premio: Ana María Novoa (1º ESO B) e Sheila Touriño ( 1º ESO D)

Na categoría C, carteis que recollen a época, vida e obra do autor, tamén houbo traballos premiados:



Primeiro premio: Paula Rodríguez (4º ESO B)



Segundo premio: Aitana Carnero  e María Rojo ( 2º ESO D)

Parabéns a todos os premiados. 

Había, na exposición, outros moitos traballos que vos axudarían a coñecer mellor a Roberto Vidal Bolaño, figura homenaxeada este ano. Védeos en LECTURAS.  Grazas a todos.

15.5.13

LEMBRANDO A ROBERTO VIDAL BOLAÑO


Moitos de vós fixestes caricaturas de Roberto Vidal Bolaño, algúns recreastes carteis das representacións das súas obras ou recollestes aspectos da súa vida e obra; outros moitos ilustrastes textos do autor. Os vosos traballos xa os podedes ver nos taboleiros e nas paredes dos corredores do instituto. Grazas a todos. Algún premio haberá!

Ó longo desta semana tamén se están facendo lecturas dramatizadas, guiadas por Miguel, de pequenos anacos de obras do autor. Lucía e Iago levaron o traballo de aprender a Variación II de Animaliños, e preparámoslles un xardín; non son "cento dezaseis metros de paraíso" nin é "un xardinciño francés" como se di na obra. 

Simplemente reciclamos o traballo que Carmucha e algunhas alumnas de 4º prepararan para a festa dos alumnos de 2º BAC. Aquí  tedes o "xardín", está  feito con secoia, espiño, sabugueiro e rosas.


1.5.13

TEXTOS DE ROBERTO VIDAL BOLAÑO PARA ILUSTRAR

Seleccionamos textos que nos pareceron adecuados para que os alumnos imaxinedes como poden ser algúns dos personaxes das obras de Vidal Bolaño.

 Ánimo! Hanvos axudar os profesores de plástica. 

Gustaríavos ilustrar este texto de Animaliños

(No xardín dun adosado. A penas ten alborexado, tralo mesto nuboeiro da mañá vai xurdindo a figura inquietante e témera dun home con aspecto de astronauta. Cruza dun lado ao outro do xardín fumigadora ao lombo, acabando con toda canta vexetación atopa ao seu paso. Algo entre a follaxe dun camelio semella arrepoñérselle. Fumiga unha e outra vez con insistencia, pero vese que non consegue o seu obxectivo. Leva a man ao cinto pausadamente, tira de automática e sen pestanexar sequera, cúspelle a aquel camelio o cargador enteiro. Co derradeiro tiro, medra a néboa e a figura desaparece)

29.4.13

CONCURSO DE CARTEIS. LETRAS GALEGAS 2013.


O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística convocou para todos vós un concurso de carteis. Xa está anunciado no Instituto pero déixovos aquí as bases:


Podedes Consultar a Páxina da Asociación Roberto Vidal Bolaño e os recursos da Páxina da Coordinadora Galega de ENDL para facer os vosos traballos.

Este vídeo tamén vos pode axudar:




Vía Caderno de lingua.

Presentación do IES Félix Muriel de Rianxo

16.4.13

ROBERTO VIDAL BOLAÑO. RASTROS




Rastros é unha das obras de Roberto Vidal Bolaño, subtitulouna desgracia en catro tempos e unha presada de recordos. Esta obra foi estreada polo TEATRO DO AQUÍ o 19 de marzo de 1998 na Casa da Cultura de Vilagarcía de Arousa, coa colaboración do IGAEM e do Concello de Vilagarcía de Arousa, baixo a dirección do propio autor.

Déixovos aquí o principio desta obra:

TEMPO 1


Dende o máis profundo do escuro chega o relembro das voces duns nenos.


Voz neno un: ¿Qué pensades ser cando sexades maiores?


Voz neno dous: Calquera cousa.  Xefe, por exemplo. Son os que máis gañan e os que menos traballan.


Voz neno tres: Eu serei explorador. Ou inventor. Ou descubridor de algo.


Voz neno un: Eu o único que quero cando sexa maior, é que non haxa nunca escola.


Voz neno tres: ¿E ti, Esther?


Voz de nena: ¿Eu?


Voz neno tres: Si, ti.


Voz de nena: Libre, coma os paxaros …


Un leve fiiño de luz fai xurdir da nada o rostro olleiroso dunha muller á que un desleixe de anos fai aparentar máis idade da que de certo ten.


TEMPO 2


É Esther. Viste con descoido, trae o mirar desacougado, vén descalza e acariña un zapato negro entre as mans.


Esther: … e voar de póla en póla sen apousentar de mais en ningunha. ¡Fai falla ser jilipollas! ¡Pobre Esther! Precisaches media vida para descubrir que ata aos paxaros se lle cansan as azas. Ou se lle tronzan. Sen outro miramento que o de que, malia todo, poidan seguir piando. (Ponse a piar coma un paxaro) ¡Deus Santo! ¿Cómo se pode ser tan estúpida? Escoitáralles dicir tantas veces que todo acabaría indo a mellor… que non era posible que foramos sempre os mesmos os perdedores que cheguei crer como unha parva que palabras como: esperanza, liberdade, xustiza, amor, patria ou amizade… non significaban o que a vida me cuspía na cara a diario, senón as parvadas que aínda hoxe pode ler calquera nos diccionarios. Mesmo… ¡Cada vez que o penso cústame conter o riso! … cheguei aprender algunhas delas de memoria. (Con ironía) Amor: Sentimento afectivo que busca o ben para si e para os outros. Liberdade: Facultade pola que unha persoa decide o seu modo de actuar sen determinacións exteriores. Esperanza: Confianza en que se vai conseguir o que se desexa. Patria … ¡Menuda palabriña! É tan imprecisa e enche tanto a boca, que o mesmo val para o nobre que para o deleznable. A miña única patria foron os amigos: Iago, Moncho, Xan… Pero mesmo dos amigos me fun vendo privada. Iago cumpre condena en Alcalá-Meco. Fun velo algunha que outra vez. Non moitas. Madrid, malia as autovías, segue caendo moi lonxe. Moncho xa non me escribe poemas encendidos. E Xan… ¡pobre Xan! Nunca debeu deixar de aseñorear as rúas co seu sombreiro portugués de aba ancha.

Fixádevos que Esther está descalza e acariñando un zapato. Na obra aparece: "O do zapato é a primeira vez que me pasa. Téñenme faltado outras cousas, pero sen elas pódese andar polo mundo. O do zapato é diferente. ¿ A onde se pode ir cun só zapato? Un sen o outro non é nada. É coma un corazón sen sangue. Unha casa sen teito. Un corpo sen o corpo de quen desexas alí, ao lado. O do zapato nunca me pasara. Xuro que non me volverá pasar".

Se queredes saber por que perdera o zapato, non tedes máis que achegarvos á obra e resolverédelo.  Ou non o perdera?

23.3.13

DOCUMENTAL SOBRE A OBRA DE ROBERTO VIDAL BOLAÑO


O 17 de maio, Dia das Letras Galegas, vai chegar axiña. Hai que ir pensando que queremos facer, porque estou segura de que imos facer cousas. Para que vaiades coñecendo a Roberto Vidal Bolaño déixovos este traballo feito no CPI dos Dices (Rois).



Trátase dun documental sobre a obra do dramaturgo no que participan Miguel de Lira, Xabier Ron, Xosé Manuel Fernández Castro, Laura Ponte, Eduardo Alonso, Xulio Lago, Avelino González, Ernesto Chao, Rodrigo Roel, Roi Vidal Ponte, Belén Quintáns e Paco Macías.

Vía Carta xeométrica.

Roberto Vidal  Bolaño neste blog.

27.6.12

ROBERTO VIDAL BOLAÑO. LETRAS GALEGAS 2013



O Plenario da Real Academia Galega, reunido en sesión ordinaria o día 22 de xuño de 2012, acordou dedicar o Día das Letras Galegas de 2013 a Roberto Vidal Bolaño (Santiago de Compostela, 1950-2002). "Un autor imprescindible non só na nosa literatura, senón tamén na dramaturxia europea do último cuarto do século XX".




Información na Galipedia.
Máis información. (robertovidalbolaño. org).
Seminario Galán.

Ide lendo un anaquiño de Animaliños, unha obra que aborda a relación da sociedade urbana coa natureza. Manuel Quintáns Suárez explícanos que Animaliños é "unha das obras máis sinxelas de Vidal Bolaño, pero, dalgún xeito, condensación, na súa mesma sinxeleza, de tódalas virtudes do seu teatro.

VARIACIÓN
IX
A DOR E NÓS

O TIPO RARO Variación nove. A dor e nós.

( Un home e unha muller ao pé dunha planta)

ELA: ¡Mira para aí! ¡Miñas pobres! Co traballiño que dou conseguir que prenderades. O que han estar a sufrir. E todo por causa deses bichos noxentos. 

EL: ¡Animaliños! Eles só fan por sobrevivir, como cada quen. ¿Que saberán os pobres do sufrimento que causan?  

ELA: ¡Non vos veredes así por moito tempo! Poñerémoslle atallo a todo isto canto antes. Non queremos que sufrades máis.

EL: Non lles fagas promesas que, se cadra, logo non podes cumprir. Non é tan doado acabar cunha praga coma esta. 

ELA: E pensar que ata hai uns anos non sabiamos que as plantas tamén tiñan sentimerntos, que tamén padecían ou gozaban. Deberiamos poñerlles música, ou lerlles un pedaciño. Marta, unha miña amiga que sabe moito disto, di que algunhas cousas de Chopin, ou os adagios de Karayan, lle prestan especialmente.

EL: Eu oín que o que lles encantaba era que lle leran cousas de Borges. ¿Queres que lles lea algunha das súas Ficcións?

ELA: ¡Quita de aí! A min as cousas dese pitoño xa nunca me gustaron demasiado, pero lidas por alguén sen acento arxentino deben ser unha cruz.

EL: ¿En que lingua haberá que falarlles?

ELA: ¿A quen?

EL: Ás plantas.

ELA: Será coma nós. Nunha que entendan. Ou sexa, a cada unha na súa.

EL: ¿E como sabes cal é a súa? As camelias veñen do Xapón, por exemplo. E esta en concreto, é dun enxerto que me trouxeron non sei de ónde.

ELA: Por como recende, debe ser de aquí.

EL: Pois acabas de librarme dunha boa preocupación. ¿En que lle falo entón, en galego normativo, no de mínimos, en galego reintegrado ou en español?

ELA: En calquera delas.

EL: ¿E si ten postura e en vez dunha alegría lle dás un desgusto?

ELA: Non te entendo.

EL: ¿Imaxínate que lle falas español i é do Bloque, ou que lle falas en galego e resulta que é da Coruña?

(Escurece)

Roberto Vidal Bolaño. Animaliños. Colección Follas de Teatro. 2003.


Estoutro texto  atopámolo Marisa e mais eu cando buscabamos algo do autor nos libros que tiñamos á man no Instituto. Pertence a Días sen gloria. Teresa Monteagudo Cabaleiro dinos que esta obra foi estreada polo grupo Teatro do Aquí e que nela o autor nos narra a viaxe cara Compostela de dous perdedores, un gallofo e unha prostituta, nos que converxen todas as virtudes e á vez todas as miserias do ser humano.

NA TUMBA

(Na cima dunha ladeira erma, unha cruz de pau sinxela e solitaria recórtase sobre o ceo avesío da noitebra, sinalando o lugar onde Galiana repousa para sempre. El axiónllase cabo dela).

EL: Non che traio flores. Nen se me dan os rezos, ben o sabes. Iso si, traio viño dabondo para me empenecar coma está mandado, na túa memoria. É de supoñer que non che importe. Sería o que me gustaría que fixesen os meus amigos para chorar a miña perda. ¿Estoume poñendo sentimental de máis? Querer, non quixera, pero... ¡Rediós, Galiana, pensei que a xente coma nós non morría nunca! Que durabamos sempre. ¡E xa ves! Ti aquí, ela no carro, eu... poideches agardar que volvese. Eras do pouco bo que lle quedaba a este puto camiño. E á miña vida. Levaríate tamén a ti se me desen as forzas, pero mírame; vello, canso, con máis folgos no pico que no lombo ou que nas pernas. ¡Esa condenada que te levou róndame a min tamén!.  ¡A todos neste camiño! O de Cira di que esta será a miña derradeira viaxe, e vento que acerta. 

(Aparece a rapaza polo fondo da ladeira, e agarda alí, a unha distancia prudente).

EL: Aínda que mediara o Apóstolo, que non ten por que, bastante faría con deixar que chegase a Compostela con ben. 

ELA: O noso amigo pasou por aquí hai sete días. Se queremos darlle alcance deberamos ir indo.

EL: O  que son as cousas. ¿Non si, Galiana? Uns fuxindo da morte e outros bulindo tras dela. 

ELA: Din que antes de morrer mandoulle un bico e doeuse de non ter visto nunca o mar.

EL: Eu irei velo por ela.

(Escurece)

Roberto Vidal Bolaño. Días sin gloria. Literatura 4º ESO. Proxecto Didáctico da AS-PG, 1999.