18.7.11

FRANK SOUTELO EN GALICIA. LUME DE COBIZA

Só coñezo o Frank Soutelo de  Lume de Cobiza de Miguel Anxo Fernández, o que vén de vacacións a Galicia á casa dos seus parentes de Muros, a tía Castora, Sara e Nando, e que vai descubrir que Lardo, o fillo duns amigos da familia, non morreu de sobredose, senón asasinado.

Gústame o Frank Soutelo que sofre porque Galicia está sendo arrasada polos lumes e que vai descubrir que teñen moito que ver coa especulación urbanística; o Frank Soutelo lector, cinéfilo, culto, o que reflexiona sobre o pouco espazo que ocupa o libro galego na Casa do Libro, librería de Vigo, en comparación co que ocupa o libro en castelán. 

Chamoume tamén a atención o seu interese pola natureza, pola que se destrúe co lume e tardará en recuperar e pola que se ve en Ridimoas, en Soutelo de Montes e noutros lugares de Galicia.

Na páxina 154 hai unha referencia ó carballo e ás landras:

“-Velaquí un Quercus robur, a variedade máis común de carballo que se dá moi ben no país, ata ser representativa del –anotoume Franeiras, que agachou para coller unhas landras que me pasou.
-Os devanceiros moíanas e comíanas de igual maneira que as castañas … -engadiu.
Apalpeinas.
-Son a semente do carballo –ampliou.
Volvinas ó chan.”

Cando vai a Soutelo de Montes, terra do seu pai, para nunha carballeira e recolle tres landras que mete no peto da súa camisa; esas landras van viaxar con el ó volver a Los Ángeles, e van ser plantadas con moito interese. Dúas morren pero a terceira vive, e pensa replantala: 

A novela remata así:

“Cando estea forte para prescindir de coidados, no exterior da miña casa de Malibú lucirá un auténtico carballo de Soutelo de Montes, espírito vivo dos meus devanceiros”

O que menos me gusta de Frank Soutelo e que sexa tan “peseteiro”, que lle gusten os cartos fáciles; xa sei que son cartos sucios e que lles vai facer regalos a Poncio, a Nando e a Rita, pero tamén vai utilizar a Sugar Jones para os seus negocios.

Eu xustifícoo menos có autor. Vede esta entrevista.

Cando comecei a lectura de Lume de cobiza, acababa de ler A veiga é como un tempo distinto de Eva Moreda; novela breve, interesante polo contido e a forma de narrar pero na que case botaba de menos un plano para situar mellor os feitos.

Agradecín que Frank Soutelo estivese en Galicia porque era capaz de seguilo nas súas viaxes por Muros , Noia, Santiago, Sanxenxo, Carballiño, Piñor...

Que coincidencias! Cando acababa de ler na novela que roubaran na Catedral de Santiago o Necronomicón, explicábannos, todos os medios de comunicación, o roubo do Códice Calixtino. Ficción e realidade moitas veces van parellas.

Acabo de descubrir agora o que o autor explica sobre esta coincidencia en La Voz de Galicia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario