26.1.12

O ROTEIRO DA ESMORGA UN ANO MÁIS


Como os alumnos son distintos cada ano e como consideramos que a lectura da Esmorga é imprescindible, volvemos ler a novela e volvemos facer O Roteiro neste curso. Os alumnos de 1º BAC A escoitaron atentamente as explicacións do guía:






Así viviu o roteiro Lucía Corral Cid :

Con motivo da profundización na máis gabada novela do autor que dá nome ao noso centro, saímos na procura de pegadas e cheiros, esquecidos nos pequenos recunchos das rúas do casco vello de Ourense, dos tres esmorgantes que disque fundiron as súas vidas nesta nosa cidade. Así, co espírito propio de calquera clase á que se lle abren as portas con motivo dunha saída cultural, e con bo paso, chegamos en primeiro lugar ao principal punto de encontro, onde, bañados polos vapores das augas da Burga, nos atopamos co guía que nos levaría seguindo os pasos do Milhomes, o Bocas e Ciprián, á procura das placas que marcan os lugares máis detacados desde ruta de alcohol e calamidades.

É salientable o aumento de interese, por parte do alumnado, unha vez que tiñamos lido e interiorizado a conexión da novela coa nosa cidade; e non foi outra cousa senón isto, o que fixo que esta non se convertera nunha saída desperdiciada, senón que resultou un paso máis cara a un mellor e máis profundo coñecemento do que foi Ourense nun pasado que se nos fai tan imposible e no que hoxe mesmo sería para nós, unha boa noite de Esmorga.
Aposto a que non foron poucos os que se viron a si mesmos á procura dun lugar para agocharse da policía correndo pola Praza do Correxidor.

Esta é a opinión de Sara Rodríguez González: 

O roteiro da Esmorga gustoume, en primeiro lugar porque nos axuda a coñecer en detalle os distintos lugares nos que sucedeu a historia, polos cales pasamos case a diario, así como a orde na que sucederon os feitos; xa que dese modo podemos profundizar, en maior medida, na novela lida. En segundo lugar gustoume coñecer o significado das distintas placas repartidas por Ourense e que, ata entón, descoñecía.

Pareceume interesante ver a casa na que naceu e medrou o autor.

Tamén destacaría que a importancia desta obra leva a Ourense por todo o mundo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario