19.6.13

TINTA DE VERÁN 2013

Entrade en LECTURAS e alí atoparedes suxestións lectoras dos vosos compañeiros e do grupo lector. Hainas para os maiores e para os máis novos.

Nos carteis das aulas tamén tedes a mesma información:






Acordádevos tamén da poesía. Eu acabo de ler Cidades, de Fran Alonso, con ilustracións e fotografías do autor, e é un libro recomendado para xente a partir de 10 anos! Non o rexeitedes por consideralo un libro de poesía infantil, habédelo disfrutar. Lede a recensión crítica de Paula Fernández.

Déixovos algunha mostra do libro: 

Cinco cidades de cinza
formando pentápole.
Cinco cidades circulares.
Con cicatrices de aceite,
eran cinco cidades.
Cidades científicas.
Cidades de cine.
Cidades en cirolas.
Cidades con Cigalas.
Cidades civilizadas
coma cítaras.
Eran cincocentas cidades.
Cigotizadas.
Cimentadas.
Ciclomotorizadas.
Ciceladas.
Cibernéticas.
Cíclicas.
Cidades de ouro e cidades de prata.
Eran infindas cidades, cinguidas todas aos meus colares.


 Cando choro
fágoo sempre sobre os mapas,
para que chova enriba das cidades preferidas.
As cidades dos mapas,
aquelas que se poden percorrer
co perfil perdido da mirada,
e viaxar dunha a outra nun segundo,
abarcalas todas,
ou vivir en todas e en ningunha.
Son as cidades dos mapas,
as urbes sobre as que sempre choro
cando estou desconsolado.


Teño un amigo que dorme
nesa rúa estreita, longa e abrigada,
recollido nun portal.
Sempre o vexo deambulando
entre os coches,
entre o lixo, laranxa, das noites,
seguido dun can,
sorteando edificios onde nunca ten casa.
Él é deses que non teñen nada,
e na nada habitan e viven.

Se cadra tamén vos apetece crear no verán. Os máis pequenos podedes combinar as técnicas aprendidas en plástica, con poemiñas escritos por vós. Tamén podedes asistir ós obradoiros de poesía e rap da Biblioteca Nodal de Ourense.

Ánimo! A lectura e a creación son un bo antídoto contra o aburrimento. Feliz verán, e a ler!

No hay comentarios:

Publicar un comentario