18.3.14

RECINTO GRIS. LEDICIA COSTAS





Os alumnos de 1º ESO ides ler nesta terceira avaliación Recinto Gris de Ledicia Costas.

Mentres non mercades o libro, podedes ir lendo un anaquiño. Así ides coñecendo os soldados lobo, un exército que foi adestrado para conseguir unha sociedade perfecta na que sobran todos os diferentes: "Tiñan instrucións claras que cumprir: colleren aqueles que perturbaban o equilibrio social, metelos nos camións e trasladalos a Recinto Gris, un lugar habilitado para aloxar os que non encaixaban no seu deseño". Supoño que estaredes de acordo comigo e pensaredes que os que sobran son eles e os que os adestraron.

Ó ler o libro ides descubrir quen son os diferentes, como vivían  e como viven en Recinto Gris, como son tratados polos soldados lobo, e que ocorre ó final.  Ata os intelixentes son diferentes!

Na páxina 21 podemos ler:
      
Levaban uniformes negros cun ese vermello no peito e portaban fusís de asalto. Pero a vestimenta e as armas non eran o que máis asustaba dos soldados. Nin sequera a súa tremenda constitución. O que verdadeiramente asustaba eran as súas cabezas. Tal e como dixera a señora Lola, non eran deste mundo. Tiñan corpos de home, andares de home, brazos e pernas de home. Mais as súas cabezas, con esa mirada intensa e feroz das bestas salvaxes, superaban todo o imaxinable. Eran enormes cabezas de lobo.
Aqueles soldados lobo eran máquinas da guerra quente, da guerra que arde e se estende ao compás da pólvora, alén das fronteiras.

E agora unha historia que aparece no libro. Quen a conta? Ten algo que ver co desenvolvemento da acción?

Hai unha historia antiga que conta que, hai moitísimos anos a lúa enguedellouse unha noite entre as pólas dun frondoso salgueiro. Un fermoso lobo branco atopouna e empezou a xogar con ela, liberándoa da súa soidade e do enguedello. A lúa pregoulle que non marchase, que quedase con ela para sempre e ofreceulle a inmortalidade. Así permanecerían xuntos ata a fin dos tempos. Pero no medio da noite, o lobo fuxiu ao encontro da súa manda, atraído polos ouleos dos seus conxéneres. A lúa, furiosa, rouboulle a sombra para facelo comprender as dimensións da soidade. Desde entón, o lobo ouvea todas as noites pedíndolle que lla devolva.

Pensaría Ledicia Costas no poema de Curros, ÓS MOZOS, cando escribiu esta obra. Eu fíxeno.

          Mociños honrados
          de sangue bravía,
si ó mal dos petrucios non fordes alleos,
          librádeos da morte,
         ¡facéi montería
nos lobos da terra, nos lobos dos ceos! 

Aires da miña terra e outros poemas, Colección Pombal, 1975

Entrevista de Montse Dopico
Crítica de Xosé Manuel Eyré.
Recensión crítica de Manuel Rodríguez Alonso.

No hay comentarios:

Publicar un comentario