1.4.14

LOLA GÁNDARA NO INSTITUTO BLANCO AMOR


Lola Gándara visitou o Instituto para ter un encontro cos alumnos de 2º ESO. Leran Alexandra na primeira avaliación.

Ó principio a autora leulles un anaco dunha das súas obras e logo respondeu as preguntas que o alumnado lle foi formulando.

Explicoulles o porqué do seu pseudónimo, o sorprendida que quedara cando lle concederon o Premio Merlín pola súa obra Os Mornias e como se inspirou nunha personaxe dunha obra de Ernesto Sábato para poñerlle o título á súa obra Alexandra (quizais se refería a Sobre héroes y tumbas).

Faloulles de que na novela buscaba certa ambigüidade ó presentar a Alexandra e que por iso a fomos coñecendo da man de Patricia, a narradora principal, pero tamén a través do punto de vista dos demais personaxes da obra: Susi, Raquel, Daniel, Xabi... Relacionou esta ambigüidade co final aberto da novela.

Houbo máis explicacións que os meus alumnos me contarán para que eu vexa o atentos que estiveron, ó mellor non tanto como deberan. Lembrades por que dona Matilda se chama así?




Ó final a autora asinou os libros de todos aqueles alumnos que llo deixaron e tamén asinou nunha folla solta que formará parte do libro de visitas que se está elaborando.

Moitas grazas a Lola Gándara e a Rodeira por facer posible este encontro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario