26.6.14

RECUPERANDO A NOSA CANCELA E AS NOSAS PLANTAS


Mentres nós durmiamos tranquilamente na cidade, a mocidade da aldea, a noite de San Xoán, sacounos a cancela dos seus gonzos, levárona ás escaleiras doutra casa e alí a deixaron atada. Foron os nosos veciños da aldea os que nos avisaron para que fósemos recuperala.




Tamén estaban cambiados de sitio varios testos con plantas. A mocidade divertiuse e nós non llelo tomamos a mal porque é bo que os costumes se manteñan. Con todo, penso que quixeron darnos moito traballo porque as testos movidos eran quince, e algúns ben grandes e pesados!




Nestes refráns xa se recolle este costume da Noite meiga de San Xoán

Se queres roubar un portal polo San Xoán, come moito e sobre todo pan. 
Na noite de San Xoán, rapaz, rouba portais se eres capaz.

Na nosa casa só se mantén o costume de apañar herbas aromáticas e deixalas metidas en auga e ó sereno para lavarnos con esa auga ó día seguinte; Segundo di miña nai, hai que lavarse antes de que saia o sol  pero isto último non o cumprimos.

As herbas de San Xoán


Nunha gran tina de auga bótanse rosas de tódolos tipos e certas herbas recendentes, e deixase toda a noite ao descuberto -prefrible sobre o tellado- pra que adequira o poder do Santo. Ao día seguinte pola mañán tódolos membros da familia, en especial os nenos, teñen que lavarse con esta auga milagreira, que, por certo, arrecende maravillosamente (ule a rosas, xa se ve)

É unha usanza común a toda Galicia o recoller na tarde e na noite de San Xoán diferentes herbas e flores, botalas en auga e deixalas na auga ó sereno pra que collan o orballo desta noite prá mañá lavárense todos naquela auga.

As herbas que se collen pra iste uso son: os sanxoáns, alcroques ou abrulas (dixital); o fiuncho ou fiollo; o codeso; o fento macho; o trovisco; ponlas de nogueira, ponlas de ameneiro ou amieiro; espadana; sabugueiro; romeu; malvas; Romeo artemisa; arzáis; rosas de nabo; ágramo; herbas de San Pedro; rosas de sábrego; poutas de lobo; herba de nosa señora (matricaria); follas de carballo, castiñeiro; rosmaniño; perpetua; roseiras;...

Esta auga, en que estiveron de remollo as herbas, tén propiedades manciñeiras, máxicas, pra curaren dos aires lurpios, envexas, etc. e cosméticas, para pór mais bonitas ás mozas e darlles boas cores e finura de pel.

Na noite de San Xoán, se as mozas meten certas herbas debaixo do cabezal poden ver en soños ó home con que van casar.

Pódese saber a sorte dun ausente colgando no leito herbas de San Xoan e vendo pró outro día si están verdes ou si secaron; así iralleó que está lonxe, ben ou mal.

Tamén é a noite propicia pra curaren ós nenos do engadino e das esbrilladuras. Fenden en dous un carballo e pasan ó rapaz pola fendedela, intervindo dúas Marías ou unha María e un Xan, pasándollo un ó outro tres veces decindo "Toma María - Daca Xoán - Doucho crebado - Darásmo Sán". Logo atan o árbore ben atado, asegún estaba, e si solda é que o neno cura, sinón é que non cura.

As sete herbas básicas son : a herba de San Xoán que limpa a cara de grans, o fiuncho é a que corre ós malos espíritos, a herba luisa sempre foi moi usada para todo, especialmente para as dores de estómago, o codeso ou piorno, o fento macho é moi apreciado contra as tenias pero ten que ser usado con moito coidado pois é velenoso, a malva úsase para resfriados, bronquitis, problemas dixestivos, e o romeu para reuma, artrite, dores de gorxa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario