10.9.14

LETRAS GALEGAS 2015. XOSÉ FILGUEIRA VALVERDE





Xosé Filgueira Valverde foi escollido pola RAG como autor homenaxeado o Día das Letras Galegas 2015. Tras a decisión da Academia xerouse unha gran polémica e foron moitos os que que criticaron a elección deste autor en distintos medios de comunicación e en blogs particulares; iso ocasionou unha nota aclaratoria da Academia. Xa veremos algúns artigos para que entendades o porqué destas críticas.

Mentres todo iso sucedía, eu quixen reler Quintana viva, un dos libros que tiña na miña biblioteca, e interesoume e gustoume, e algúns contos fixéronme pensar en Castelao ou en Cunqueiro.

Que vos parece este?

A MONECA

Eu, de nena, tiña unha moneca, unha pepona con fazulas roxas de trebo frolido e cabelo loiro de follato vello. Eu quería moito á miña moneca, a moneca boniteira que na feira de Santos trouxérame miña nai da vila. Eu tiña a miña moneca cal se fose a miña filliña pequena, tal que a miña nai tíñame a min. Porque a miña nai tíñame con moito agarimo, era boa cal o pan e aloumiñante como unha quentura tépeda de cacharela inverniza.

Un día houbo na miña casa berros e choros, ninguén se lembróu de min, e eu coa miña pepona acouguéi no recanto máis recunchadiño da lareira.

Tiña medo e no peito unha laxe moura, un verme roedeiro magoábame teimosamentes.

Pola noite o meu pai debruzado na artesa choraba a fío, tía Catuxa de Brión foi deitarse no sobrado, Fis e máis Santa que rezaban besbexando, no pasadoiro, alongáronse, e a casa ficóu toda calada.

Destoncias, erguinme e coa miña moneca fun paseniño deica o leito da miña nai. O medo trabóume a lingua. Decatéime de que estaba no ataúde, tal que tiña ollado ao meu irmán, sendo máis pequena. 

Esbagullando, coidéi que a miña nai fuxía de min pra máis non voltar, sentín a friaxe de non poder chorar no seu colo e lembrando o tempo que tiña de estare soia, na campa do adral, hastra que meu pai e eu fósemos topala puxen no seu colo a miña moneca, a pepona roxa, a quen eu quería como a miña nai quixérame a min.

Gustouvos?

Poderemos traballar léxico, acentuación, a colocación do pronome persoal, recursos literarios, elementos da narración...

No hay comentarios:

Publicar un comentario