26.3.15

TES ATA AS 10. FRANCISCO CASTRO.


Estamos comezando a terceira avaliación e os alumnos de 2º ESO debedes ler Tes ata as 10 de Francisco Castro. Védeo e escoitádeo no ZigZag Diario falando desta novela.

Tamén o podedes ver e escoitar neste vídeo:





No Blog de Galaxia hai recensións, críticas, reseñas da novela e tamén entrevistas ó autor da mesma: Francisco Castro.

E agora un anaquiño que a min me gustou. Non vos vou contar que personaxe da novela escribe este texto, xa o descubriredes, tamén vos ha de chamar a atención o que figura a continuación. Lede, lede e gozade coa novela.

As palabras fundan o mundo. Poden destruílo tamén. As palabras e as formas en que son transmitidas. Por iso pode haber -téñoo oído así un cento de veces- murmurios que provocan furados no medio do peito polo que vai entrar, e aniñar un monte de ledicia. E palabras que nos chegan e nos matan, literalmente. 

Dicía Wittgenstein que as palabras son figuras da realidade. Dicía Nietzsche que se queriamos entender algo había que investigar a orixe das palabras que usamos para nomear as cousas. Sei que as dúas ideas son certas. Nacemos, e o que nos chega do exterior son, ademais de tactos, sabores e sensacións térmicas, palabras, fonemas que aínda non comprendemos -hai quen pasa pola vida e nunca os comprende-, pero que arrolan ou desesperan. Namorámonos das palabras. Lemos libros procurando as palabras que nos leven a mundos máis afastados, ao Pais das Marabillas de Alicia. Algúns naúfragos constrúen illas de palabras e aí son os Reis Magos do universo, bufóns e poetas, ciclopes dun só ollo feitos de semánticas que saen quen sabe de onde. Palabras, verbas, as miñas, nesta fala de ceo, salitre, chuchameles, alecríns, montañas, leite de vaca, preamar, lueiro, fentos, aloumiños, corazón, pel, poros, mamilas, chocolate, beixos ás agachadas nun bar que ese serán abriu só para ti e para min. Coas palabras dígoo todo. Coas palabras doulle corda ó reloxo do planeta. Coas palabras sento nas nubes, mergúllome no teu escote e navégasme entre as coxas. Palabras. Estou feito de palabras. Morarei e morrerei dentro delas, ben tapado, espero, por unha ortogramática corpórea de pel amada. (Páxina 197)


No hay comentarios:

Publicar un comentario