24.9.15

MARÍA XOSÉ QUEIZÁN E MONTSE FAJARDO.



Estes libros que vedes na fotografía foron un agasallo de aniversario. Que ben me viñeron! Graciñas. Acabara as lecturas de verán e non tiña decidido por onde ía seguir. Fixérono por min.

 A boneca de Blanco Amor, de María Xosé Queizán e Matriarcas. Mulleres en pé de vida, de Montse Fajardo foron, por tanto, as miñas primeiras lecturas desta etapa na que non tiven que preocuparme das novas programacións nin dos preparativos que supón un curso que comeza. 

Ata este ano eu medía o tempo polos cursos escolares, agora teño que afacerme a unha nova medición. O que si é evidente é que nunca puidera estar en terras costeiras ata o outono e este ano puiden facelo.

Un anaquiño da NOVENA REVELACIÓN  d'A boneca de Blanco Amor: 

"Explícito queda en A esmorga o sadismo dun personaxe que representa a tensión e indefinición sexual. Un ser violento e inmoral que procura un sexo pornográfico, unha perversión manifestada nas orxías aliadas co alcohol. A furia que o leva a esmagar a boneca, producida pola frustración ante un  obxecto substituto da dona do pazo, que lle impide violar a muller, será a mesma salvaxe perversión que o levará a violar a Socorrito, unha criatura pobre e disminuída psíquica. 

Analistas lúcidos do desenlace novelesco, saben que o coitelo vingador que, dirixido aos testículos do sádico criminal, acaban coa súa vida, non aspiran a un desquite moral. Trátase dun crime sexual.

A ferinte soidade que rodea a Aurelio Andrada e a dor enorme que lle ía provocar a destrución da boneca polo bruto Bocas, non nola relata Blanco Amor en A esmorga". (Páx. 135-136)                                       

Os que lestes A esmorga  preguntástesvos algunha vez como reaccionaría o señor do pazo dos Andrada ó descubrir a boneca esnaquizada? Nesta obra de María Xosé Queizán está continuada a historia. 

Se ledes Matriarcas, conmoverédesvos e pensaredes en nais ou avoas concretas que teñen moito en común con algunha das mulleres, ou con varias, que aparecen na obra.

No hay comentarios:

Publicar un comentario