14.3.16

OS ELEFANTES DE SOKÚROV E AS DÚAS MARÍAS


Se visitamos Compostela e nos achegamos á Alameda, é imposible non ver a estatua d'As Dúas Marías. Iso é o que lle pasa  a Constantino, un  personaxe da novela Os elefantes de Sokúrov, de Riveiro Coello

 Foto da wikipedia

"Dende a Alameda contemplo como a catedral impón a súa monumentalidade sobre os tellados e, extasiado, sigo camiñando, aspirando o cheiro a herba mollada que flota no aire e deixa esa sensación doce e estraña de quen atravesa un soño.


A xente avanza baixo os paraugas, allea á cidade e á silueta descarnada dese can que se detén diante da estatua das dúas Marías, esas tolas alegres que arrastran tras de si unha historia de represión política. Un vello da rúa do Franco contoume  nunha ocasión que coñeceu as dúas, a Coralia e Maruxa, e que era todo un espectáculo velas camiñando nos anos cincuenta e sesenta co colorido das súas roupas entre un ambiente tan gris coma o que proxectaban a pedra e unha posguerra na que todo o mundo vestía roupa escura. Ese descaro luminoso debeu de ser a súa forma de rebeldía polas torturas e violacións que, segundo contan, deberon de sufrir ao se negaren a cantar o paradoiro dos seus irmáns anarquistas. Gustaríame poder coñecelas e escoitar a traxedia da súa historia, que as facía aparecer polas rúas da zona vella ás dúas en punto da tarde. Quizais a súa tolemia só era un mecanismo de supervivencia. Non o sei."

OS ELEFANTES DE SOKÚROV. Capítulo IV, 2ª parte. Constantino en Compostela. Páxina 171.

Eu coñecín As Marías na década dos 70. Sempre que as vía, fixábame nas súas roupas de cor e nas súas sandalias e zapatos pero o que máis me chamaba a atención era a súa maquillaxe. Eu tiña a sensación de que aquelas dúas mulleres que paseaban de ganchete non eran de carne e óso, parecíanme de porcelana ; ese é o recordo que teño delas. 

Debo dicir que non souben daquela o porqué da súa tolemia  e tampouco o indaguei. Hai pouco, lendo unha entrada e un comentario do blog Tirar do fío, de Helena Villar Janeiro coñecín o drama que viviran.

A novela Os elefantes de Sokúrov volveu facerme pensar n'As Marías e na súa historia tráxica.

 Máis información na Wikipedia e en Álbun de mulleres.

Gustoume esta homenaxe e déixovos aquí a información e a foto tomada de Cómo Pez en el Agua. Tienda taller de artesanía.
“O colectivo As da aghulla do barrio de San Pedro decoraron as escaleiras da Carricova con tiras de gancho e calceta para facerlle unha homenaxe a Maruxa e Coralia, As Marías, xa que viviron un tempo no barrio” 


No hay comentarios:

Publicar un comentario