25.9.16

CARLOS CASARES. UNHA DONICELA


Aquí estou  nun novo curso, sen clases pero decidida a que vaia aparecendo algo neste Camiño.  

Non podemos quitarlle protagonismo a Manuel María porque segue sendo o seu ano pero eu quero contarvos que me alegrou moito saber, xa en xullo, que o 2017 ía ser o ano de Carlos Casares

Relín neste meu blog as entradas dedicadas a Casares e descubrín, nunha do 2012, que prometía copiar a columna d'A Marxe que o autor dedicaba á donicela. Para facer realidade aquilo de que a todo porquiño lle chega o seu San Martiño, vou cumprir hoxe a miña promesa. 

UNHA DONICELA
11-4-1985

Acabo de ver unha donicela. Estaba no alto do muro dos frades, ó pé dunha mazaira, mirando xusto para min, como se me desafiase cos ollos. Foi unha visión breve, que durou apenas uns segundos, pero que me produciu unha certa  inquietude. De neno oín contar cousas terribles deste pequeno animal. Por exemplo, que lle podía quitar a voz ós cans. Tamén se decía que o seu alento era malo para  a saúde da xente. Dos efectos nocivos da súa mordedura fala moito claramente o noso refraneiro: "Se te morde a donicela, busca viño e busca vela, que mañá che darán terra".

O curioso é que este bicho, que ten tan mala fama, ten en cambio uns nomes preciosos. En galego, por exemplo, ademais de donicela chámase doniña, denosiña, dolosiña, garridiña e o utros semellantes, todos cariñosos. En castelán chámanlle sobre todo comadreja, pero tamén donecilla e mostolilla. Para os vascos é andereder, que polo visto significa "señora bonita", parecido ó que ocorre co nome francés belette ou o italiano donnola. Noutras linguas coñécese por nomes que se refiren a relacións familiares de parentela. Como nora, moza, cuñada ou comadre. É unha constante en toda Europa.

Segundo contan os antropólogos, esto de nomear cunha palabra bonita a un animal que se considera peligroso, traduce o desexo inconsciente de facerse amigo del. É como se deste xeito se anulase a súa capacidade para facer mal. Os nosos paisanos pensan incluso que cando unha doniña pasa  por un camiño e se di en voz alta o seu nome para que ela oia, que se pon toda contenta e que se move como unha rapaza presumida. A verdade é que esta que eu vin no alto do muro pareceume, cando se foi, que movía o rabo e as cadeiras cunha certa desvergonza provocadora.  
                                                         
Carlos Casares. 100 artigos.

Recomendo novamente que leades unha selección de columnas de Casares no blog Á Marxe do tempo.



Gustoume ler a fábula de Esopo que ten como protagonista unha donicela:

Unha donicela que se namorou dun mozo pediulle á deusa Afrodita que a transformase en muller. A deusa, compadecida, metamorfoseouna nunha moza irresistible, tanto que o mozo ao vela tamén se namorou dela. Cando a parella estaba na cama, a deusa Afrodita botou un rato no medio do cuarto, pois quería saber se a donicela mudara de costumes despois da muda do corpo. Pero a moza conservaba o instinto animal, así que se tirou da cama e botou tras do rato para comelo. A Afrodita non lle gustou o comportamento da donicela e devolveuna de contado ao seu estado anterior. Dise na moralexa desta fábula esópica que así sucede cos que son malos por natureza, que aínda que cambien de estado, non cambian de carácter.

Oxalá que  non nos trabe unha donicela!

A todos aqueles que aínda estades en activo, deséxovos un bo curso. Ánimo que deseguida chega xuño!

No hay comentarios:

Publicar un comentario