26.11.14

EDUARDO BLANCO AMOR. OS BIOSBARDOS




Tivemos nalgún momento intención de traballar a obra Os biosbardos de Eduardo Blanco Amor. Decidiramos centrarnos no estudo dos espazos polos que se van movendo os personaxes dos distintos relatos. Non desenvolvemos o traballo pero, ó poñernos a repasar a obra, descubrimos algo que vos queremos contar.

Marisa e mais eu traballabamos con edicións distintas. Na segunda edición (Galaxia 1970) tiñamos oito relatos pero na terceira (Galaxia 1976) xa só eran sete; falta o conto Os biosbardos que inicia a segunda edición. Descubrimos ademais que no conto d'O encalatro os espazos eran distintos, tamén cambia a procedencia de dona Quiteria e o tipo de negocio que rexentaba:

"Quizaves de todo isto veu o que me deixase levar por Crisanto, que era un gran troleiro e encalatrador,  todos o sabiamos, anque moi serioso de facha, que non se sabía ben cando argallaba ou cando dicía verdade; digo Crisanto, o fillo de dona Quiteria a chantadina, que tiña un cativo comercio de lenzos e gambronas na rúa do Seminario."
Páx. 47. Galaxia,1970.

"Quizaves de todo isto veu o que me deixase levar por Crisanto, que era un gran troleiro e encalatrador,  todos o sabiamos, anque moi serioso de facha, que non se sabía ben cando argallaba ou cando dicía verdade; digo Crisanto, o fillo de dona Quiteria a maragata, que tiña posto de estampas i escapularios a carón da porta da catedral, na Praza do Trigo.
Páx. 40. Galaxia,1976.


Manuscrito conservado na Biblioteca do Centro Cultural Marcos Valcárcel.

Quixemos saber por que non figuraba o conto d' Os biosbardos na terceira edición e atopei unha resposta no libro de Francisco Rodríguez, " Eduardo Blanco Amor (o desacougo da nación negada) ":

" Na primeira edición de 1962 eran sete contos. Na segunda de 1970 son oito, os da primeira maís un novo introdutorio co título do conxunto (Os biosbardos). Resulta realmente disfuncional. Debe ser retirado, ao noso modo de ver, seguindo o criterio da primeira edición." Páxinas 144 -145

Xavier Carro en "A obra literaria de Eduardo Blanco Amor" dános unha información diferente, fálanos de oito relatos na primeira edición e de sete na segunda:

" Abrese o libro na súa primeira edición co relato que lle dá nome ó volume e que logo desaparecería en posteriores reimpresións. Ninguén ten constancia de cales foron os móbiles da súa exclusión, pero non podemos pensar en problemas coa censura porque o texto non era atentatorio contra a moral ó uso. Páx.101 

Para saber quen tiña razón consultei unha primeira edición na Biblioteca do Centro Cultural Marcos Valcárcel; puiden comprobar que na primeira edición os contos eran sete, sendo o primeiro A arrasadeira. Por que se introduciu un conto na segunda edición e logo desapareceu? Eu sigo sen sabelo.





Dediqueille a  Blanco Amor varias entradas neste blog. Que esta nova entrada sirva de homenaxe no trixésimo quinto aniversario do pasamento do autor.

Podemos ler os contos. 

2 comentarios:

  1. Grazas, Marisa. Desta entrada somos responsables as dúas. Se non traballaramos con edicións distintas, non descubririamos as diferenzas.
    Temos que consultar a edición do 2003, na ligazón que puxen d' Os biosbardos fala de oito relatos.

    ResponderEliminar