31.12.14

SUSO DE TORO. SOMNÁMBULOS

Alegreime moito de que Suso de Toro volvese publicar e quixen ler este novo libro de relatos: "textos teatrais para voz humana" segundo palabras do autor.

Vou deixarvos aquí un anaquiño do relato Auga derramada. Ten como protagonista un ancián desmemoriado que sae a pasear; algunhas veces escapa e vai dar á Fonte dos Cabalos da Praza das Praterías de Santiago de Compostela para enredar cos turistas.

Se ledes o monólogo completo seguro que vos entristeceredes e reflexionaredes; ó mellor o protagonista ten máis razón da que parece ter.

"Non marchen, ho. Ollen iso. Non ven esas moedas que hai no fondo? Guíndanas aí os turistas. Élles unha parvada, sonlles modas. En que cabeciña cabe que tirando co diñeiro vai ter un boa sorte. Polo contrario, fica un sen o diñeiro co que tirou. Eu non sei quen inventa esas cousas, antes aquí ninguén tiraba co diñeiro desa maneira, iso é porque a xente é parva e ademais porque hoxe hai moito vicio e absurdidade e ao final veñen as crises de tanto tirar co diñeiro desa maneira. Non lles pareza mal, eh, que quen sabe se no seu país non é así, pero o que é aquí, fáganme caso, a xente anda un pouco parva. E ben, vostedes tamén son dos que fan moitas fotografías e, vanme perdoar, mais iso tampouco non ten moito sentido. E logo para que as queren? Seica van mirar tanta fotografía cando cheguen ás súas casas? Pensan que así levan algo de aquí? Ca, non levan cousa ningunha. Iso élles todo un atraso, un engano. Díganme, señores xaponeses, e non lles sería mellor dar un paseo polos arredores ou coller a cana e ir ao río como facía eu antes? En fin. Non, non e non, non boten aí moedas vostedes tamén. Que iso non dá sorte ningunha, fáganme caso. Pois nada, non fan caso a un. Entenderon ao revés, entenderon que eu lles dicía que había que tirar moedas. Veña, pois aí as van. Céntimos, claro. Vostedes non traballan coa moeda de aquí pero xa vexo que se entenden ben con ela, non lles vexo tirar nin o primeiro euro. Así van os países arriba; si, señor. Aforrando, mirando o céntimo. Ben, pois iso é."

Podedes escoitar a lectura dramatizada doutro relato de "Somnámbulos", Negocios de familia, levada a cabo no Ateneo de Santiago, o 20 de outubro de 2014, por Suso de Toro, autor da obra, e Federico Pérez, actor.



Información sobre a obra no Blog Xerais.
Recoméndovos que escoitedes a Armando Requeixo, fala da obra e le un anaquiño do conto Insomne.

Feliz ano a todos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario