13.1.15

MANUEL NÚÑEZ SINGALA. INSTRUCIÓNS PARA TOMAR CAFÉ



Instrucións para tomar café, de Manuel Núñez Singala,  foi unha das miñas lecturas do nadal. Déixovos catro narracións breves, creo que lle podemos chamar microrrelatos, para ler e traballar con elas, e para que vos animedes a participar no Concurso de Microrrelatos do Concello.

Resultoume difícil a selección porque, en realidade, o que hai que facer é ler o libro completo, que é o que eu vos recomendo. Está  asegurado o sorriso e a reflexión sobre nós mesmos. O libro agarda por vós na biblioteca do Instituto.


AMPUTADO

Chamábanlle "O pirata", e cando comecei a andar con el xa me advertiron das súas carencias. Pero como non tiña un parche que ocultase un ollo baleiro, nin un gancho que disimulase a ausencia de man, nin unha prótese de pau que enmascarase a falta dunha perna, casei con el.

       Só un ano máis tarde, cando marchou con outra no sétimo mes do meu embarazo, descubrín que en realidade do que carecía era de corazón.

COMPORTAMENTO VISCERAL

Despois de espremer os miolos, gastar un ril e botar os fígados na campaña electoral, a noite dos comicios algúns partidos deben morder a lingua aínda que se lles envelene o sangue e, á vista dos resultados por maís que se lles revolva o estómago, botarlle morro e acabar facendo de tripas corazón.

INSTRUCIÓNS PARA PARECER GALEGO

               I     

Aprenda a avergonzarse. Desprécese. Menoscábase. Desdéñese. Maltrátese. Vilipéndiese. Humíllese con frecuencia. Non perda á práctica, menosprécese.
Polo clima.
Polas curvas.
Polas vacas.
Polo acento.
Polas árbores.
Pola lingua.
Por Galicia.
Por todo.

Cuspa para arriba.

No caso de que alguén lle sinale algún aspecto salientable do seu país, practique o "si, pero", e rebaixe o que poida.

- Pois en Lugo tedes unha muralla romana.
-Si, pero é moi vella,
ou:
  Pois nas Rías Baixas os solpores son marabillosos
-   Si, pero despois faise noite.
 Se algunha vez, se cadra nun momento de debilidade, atopa algo destacable en Galicia, non se deixe levar pola euforia, e antes de que o interlocutor poida facerse unha idea positiva búsquelle ou invéntelle un defecto, e verá que sempre atopa un pero:
- As praias galegas son formidables, pero a auga está moi fría.
-A paisaxe é vizosa e dun verdor impresionante, pero chove moito.

E AGORA QUE?        

Durante moitos anos un ogro aterrorizou os habitantes daquel pacífico reino. Ata que o seu soberano, farto dunha situación que se volvera insostible, anunciou que daría en matrimonio a súa única filla ao valente capaz de rematar con aquela ameaza.
Foron moitos os que o intentaron, en ocasións mesmo procedentes de países veciños, empuñando espadas e cubertos polas súas armaduras, pero ningún puido coa fortaleza e as mañas dun feroz ogro que sempre saía vencedor en tódolos combates.
Quizais por iso cando o intentou aquel cabaleiro as esperanzas da poboación xa ían murchas. Pero contra todo prognóstico e tras encarnizada batalla, conseguiu darlle morte ao malvado ogro.
Desatouse o xúbilo, e o vencedor foi acompañado pola afervoada multitude ao pazo real. O rei reuniu enseguida a corte e demandou tamén a presenza da princesa, a súa única filla.
O abraio de todos foi maiúsculo cando o cabaleiro retirou o helmo e puideron ver como se ciscaba polos seus ombros unha fermosa cabeleira. Tratábase, en realidade, dunha bela muller.
-Fíxemola boa!- seica se lle escapou ao soberano.
   
Que vos pareceron? Sorristes? Reflexionastes?  Non comecedes dicindo si, pero ...                   

No hay comentarios:

Publicar un comentario