25.1.18

ALMA E O MAR. FRANCISCO X. FERNÁNDEZ NAVAL


As dúas palabras que aparecen no título da última novela de Francisco X. Fernández Naval, Alma e o mar, teñen gran importancia na mesma.

ALMA é a protagonista da historia, unha muller valente que sofre unha agresión durante a súa estancia en Brooklyn, e que, para curar as feridas e refacerse a si mesma, vén a unha pequena localidade da Costa da Morte onde contacta con outras mulleres que sofren agresións familiares, laborais, sociais...

Alma para sobreporse busca acubillo no MAR, nos baños, na luz, na calor, na paisaxe marítima pero dáse conta de que iso non chega, aínda que o mar é un elemento purificador, ela ten que "traducir o seu mal a palabras" 

A novela é unha historia de mulleres valentes e unha contribución por parte do autor á loita pola igualdade. 

Lede a novela e saberedes se Alma vai curando as súas feridas e se as sombras que a perseguen van desaparecendo.

Déixovos dous anaquiños que teñen que ver co título:
   
   Da nai recibira o nome, do pai o amor e a entrega. O nome fora un acerto e unha vantaxe, aínda que resultase imposible para os palíndromos. Non admitía nin abreviatura nin diminutivos, por máis que ao pai, durante un tempo, déralle por lle dicir Almiña. Tamén Mercedes, de adolescentes, teimara con Alm. Ramón, o compañeiro de facultade co que saíra durante un curso e que sabía de faraóns e de pirámides, contáralle que o seu nome era o Ankh dos antigos exipcios, a primeira sílaba pronunciada pola humanidade, o son da expiración, o último alento, a alma. Aprendéralle a visualizar as catro letras con cada exhalación e descubriu que reproducían con exactitude o son do aire ao pasar pola gorxa. Pero ningún destes intentos callara. Alma era un nome pleno, albo coma un amencer, redondo coma a lúa e así o sentía cando se presentaba, vocalizando moi ben as dúas sílabas, para evitar equívocos, marcando as dúas vogais, que eran a mesma, abrindo moito a boca ao dicir Al e pechándoa ao concluír coa sílaba ma, bilabial, segundo aprendera nas clases de fonética da facultade. (Páx. 110)

  Deixou atrás a casa e o cemiterio e procurou a beiramar. Era certo o que lle dixera a Ofelia sobre o mar. Sentíao así. O contacto diario con el significaba unha fráxil e efémera vitoria sobre o desacougo. Alma e o mar, pensou. Alma de mar. ( Páx. 182) 

No hay comentarios:

Publicar un comentario