11.12.15

GRAZAS, COMPAS.


Xulio L. Valcárcel neste poema dá as grazas por moitas cousas. Lede:


   
Outro poema dos dons

Gracias quero dar
pola noite e a chuvia
que nos devolven a memoria da nai,
e pola muller
que dá forma á beleza.
Gracias polo sexo
que une nunha soa carne
dúas soidades
e polo soño que nos permite
a viaxe á morte
e o regreso.
Gracias polo vento
que nos fai estraños de nós mesmos
e pola pedra
que aspira a soñar a eternidade.
Gracias quero dar polos nenos
que non coñecen nin a culpa nin a morte,
e pola música,
alma en epifanía trascendida.
Gracias pola luz
que nos devolve o mar nos ollos da amada
e polo aire, vivificante e saudábel.
Gracias pola beleza,
que nos enche e acovarda,
e polo mencer
que nos ofrece a ilusión
da primeira vez.
Gracias
pola xuventude e polos sentidos.
Polo loureiro e o trigo,
polo viño que nos sume
nun transo sen dolor,
pola herba, máis tenaz que o tempo,
e pola arte,
que nos transcende e sobrevive.
Gracias quero dar
polos días que compartes comigo,
pola caricia e polo beixo.
Gracias polo mar, absoluto e poderoso.
Gracias polo silencio e polo verso.

Memoria de agosto




Eu tamén vos quero dar as grazas pola compañía que me fixestes onte, polo xantar e polos agasallos pero, sobre todo, polo tempo que pasamos xuntos, día tras día, ó longo de moitos anos.

Que o reloxo siga marcando moitas horas! Oxalá poidan ser vividas con saúde e amor!



3 comentarios:

  1. Segues con nós, nos bos e nos malos momentos, que de todo temos. Iso é o verdadeiramente importante. A vida laboral só conta para a Administración.

    ResponderEliminar
  2. É certo que para o Departamento de Lingua Galega e Literatura non está sendo un bo curso,especialmente para Fina, pero habémola de acompañar todo o que poidamos para que a dor sexa máis levadeira. Bicos

    ResponderEliminar
  3. Grazas a tódolos compañeiros do Instituto, por tratar tan ben á miña nai durante todos estes anos. Esas cousas non se esquecen, aínda que a algúns xa non tiven a fortuna de coñecervos en persoa.

    Un saúdo.

    ResponderEliminar